Singularidade. Esa é a proposta que Vigo debe facer para proxectar o seu futuro. Estamos nun século recén estrenado no que a globalización derruba fronteiras e competitividade é a palabra que move o mundo. Neste escenario, máis ca nunca, a nosa cidade debe enfrontar o seu futuro sen complexos, tirando partido das súas fortalezas e poñer en valor o que nos fai singulares.
Hai moito partido por xogar e debemos ter clara cal vai ser a nosa estratexia para conseguir o mellor resultado. Por suposto, debemos seguir mimando o noso tecido industrial, pero non podemos seguir fiando exclusivamente o noso futuro nese sector. Vigo pode ser tamén un referente noutros ámbitos, nomeadamente o turístico, o cultural, o tecnolóxico, o comercial, o social ou o deportivo.
Dispoñemos dos mellores mimbres. Contamos cun gran potencial emprendedor empresarial e coa capacidade e o esforzo que os vigueses e viguesas amosamos día a día. Porque non debemos esquecer que Vigo é hoxe a primeira cidade de Galiza, o motor industrial e económico deste país, grazas á unha cidadanía que ten sido quen de saber facer fronte sempre ás dificultades e resolver con imaxinación os atrancos que teñen aparecido no camiño, caseque sempre en forma de discriminación doutras administracións no reparto do pastel orzamentario.É tempo de que mude esa tendencia. Para iso Vigo, os vigueses e as viguesas, debemos crér máis na nosa cidade e confiar realmente nas nosas posibilidades. Desde a Tenencia de Alcaldía estamos a traballar para conseguir que cada día queiramos máis a nosa cidade e nos sintamos orgullosos dela. Aí está a nosa aposta decidida pola recuperación do noso Casco Vello, o noso verdadeiro sinal de identidade como cidade. É unha tarefa laboriosa e máis lenta do que todos e todas desexamos, pero sen dúbida estamos no bo camiño para convertir o noso barrio histórico nun lugar de referenza para o turismo. Un casco antigo rehabilitado, xunto ao incomparable contorno natural que ofrece a nosa ría e a coroa de montes que nos rodea son aspectos que moi poucas cidades poden ofrecer para estar en pé de igualdade na forte competencia que hai no sector turístico. Esas son as nosas singularidades. Ademais contamos como armas estratéxicas o Vigo Convention Bureau, que permitirá que a cidade entre na rede internacional para a organización de eventos, e o Plan de Competitividade Turística que vai poñer en valor as nosas fortalezas como destino turístico.Debemos apostar tamén por facer a Vigo protagonista e programar eventos que nos permitan amosar as nosas capacidades. Acabamos de acoller na nosa cidade o Mundial de Hóckey sobre Patíns, un evento que ten demostrado unha vez máis a nosa capacidade organizativa e que premitiu que a cidade tivera proxección internacional. Aspectos aos que hai que engadir o retorno económico que a celebración desta competición deixou no sector hosteleiro, hoteleiro e comercial da cidade. O Mundial é un bo exemplo do que os grandes eventos poden significar no futuro nunha cidade como a nosa.
Igualmente temos opcións para presentar ao mundo unha oferta cultural singular. Estamos a traballar para rentabilizar ao máximo os magníficos museos que temos na cidade. Na nosa aposta de futuro funcionarán en rede, cunha oferta coordinada. Esa será unha das mellores cartas de presentación de Vigo á volta duns anos.
Pero, sobre todo, a nosa cidade debe explotar ao máximo a súa singularidade no aspecto social. Vigo ten sido sempre unha cidade solidaria e agora máis que nunca debe selo. Calquera proposta de futuro ten que pasar necesariamente pola mellora da calidade de vida dos cidadáns e das cidadás, especialmente dos máis necesitados. O fin último debe ser sempre a xente. Para que a proposta de futuro da nosa cidade triunfe debemos garantir a igualdade de oportunidades para todos e todas. Para nós ese é o obxectivo prioritario e nel traballamos a reo.
Estou certo de que a Vigo lle sobran elementos que a fan singular para encarar o seu futuro con garantías. Se conseguimos superar o lastre que arrastramos na execución de infraestruturas básicas, como o AVE, esta cidade será imparable.