A volta do Partido Popular ao goberno da Xunta de Galiza está evidenciando xa nestes primeiros meses que sufrimos un regreso ao pasado. Como se un deja vu se tratase estamos de novo vivindo na era Fraga. Privatización de servizos públicos, retroceso nas políticas sociais, desprezo pola nosa lingua e desproteción dos nosos sectores produtivos son as liñas mestras que marcan a xestión do PP, baixo o falso manto da austeridade.
Vigo é un bo exemplo da volta atrás que se está a producir. A cidade está sentindo fondamente as primeiras medidas do PP e, ao igual que durante os 16 anos de goberno Fraga, está a ser discriminada en canto a investimentos. A mellor proba é a análise dos orzamentos da Xunta para 2010. Nas partidas que corresponden á nosa cidade existe un descenso dun 36% respecto aos que deixou a o Goberno bipartito. Na primeira oportunidade que Núñez Feijóo tiña como presidente da Xunta de amosar a súa aposta pola cidade que é o motor económico de Galiza, como se comprometeu na campaña electoral, o que fixo foi castigar a Vigo.
Sendo alarmante a baixada dos investimentos previstos para o vindeiro ano, non é iso o peor. É aínda máis grave o feito de que proxectos postos en marcha ou comprometidos pola anterior Xunta están paralizados, esquecidos ou transformados para afondar na política privatizadora do PP. Non queren abrir a Gota de Leite como centro de emerxencia para xente sen teito, van privatizar o novo hospital e tamén os centros de día, néganse a asumir a reforma das pistas de atletismo, non consideran interesantes proxectos como o funicular do Casco Vello… En fin, que o Goberno do Partido Popular en Vigo nin está, nin contamos que apareza.