Moito se está a falar estes días sobre a fusión das caixas e sobre a nova lei que se acaba de aprobar. Algunhas manifestacións que se están a facer lémbranme moito a aquelas que se facían nos primeiros tempos da democracia, cando algúns alertaban do perigo da chegada dos comunistas. “Como veñan quitaranche unha das dúas vacas que tes”, advertían para meter medo. Ven esto a conto do moito que se está a falar sobre a fusión. Que se vai desaparecer Caixanova, que se o norte se vai comer ao sur… Sen embargo, nestes momentos ninguén sabe en que termos se vai a producir, nin cal vai ser o papel de cada unha das caixas.
Se ninguén dubida de que Caixanova está nunha posición máis solvente que Caixa Galicia, se ninguén dubida da súa eficiencia e da súa boa xestión, ¿que medo podemos ter? Non debemos esquecer que xa se ten realizado outra fusión da que entón era Caixavigo coas caixas da capital da provincia e de Ourense e daquela a nosa caixa non perdeu o seu peso específico, nen a súa posición, é máis aínda se reforzou.
Estase a falar tamén dos investimentos en materia social, alertando da posibilidade de perder o labor que desenvolve coa Obra Social. Esquécense algúns de que Caixanova ten feito moita obra social non só en Vigo, senon en toda Galiza, tamén na Coruña. Ao igual que Caixa Galicia ten feito obra social en Vigo, o que me parece moi ben, xa que ámbalas dúas caixas non só se nutren cos aforros das localidades nas que están asentadas, senón de todos os galegos e galegas.
Pero do que non se está a falar e das outras posibilidades e das súas consecuencias. Non se está a dicir que na conxuntura actual e imposible que Caixanova poda camiñar soa e que, polo tanto, terá que buscar outros aliados para o seu camiño. Non se está a dicir que eses aliados serían de fóra (Murcia, Asturias, Madrid…). Non se está a dicir que as SIP son, sen dúbida, o primero paso para a deslocalización das caixas e a súa futura bancarización. Non se está a dicir tampouco que noutros territorios do estado apostaron por fórmulas como as que os nacionalistas defendemos e deron por resultado caixas fortalecidas e entidades financieiras que están a apostar claramente polos sectores económicos propios.
Hai agora certos sectores empresariais que critican abertamente a fusión e din que o fan en nome da defensa de Vigo. Son os mesmos sectores que non critican e mesmo aplauden a discriminacion da actual Xunta do PP con esta cidade cando se lle reduce nun 36% o capítulo de investimentos ou cando se desmantelan os servizos sociais públicos que tanto necesitamos os vigueses e viguesas. ¿Quen está a pensar nos traballadores e traballadoras cando se fan esas afirmacións? ¿Será tan mala a fusión cando os tres sindicatos, que son os que defenden os seus intereses, están dacordo con ela? ¿Non será que cada quen está tentando manter a sua posición empresarial a marxe da racionalización e da defensa dos intereses reais de Vigo e Galiza?
É unha auténtica mentira que se diga que estar a favor da fusión e ir en contra de Vigo. A realidade é que ir en contra da fusión é simplemente defender a política do PSOE e a do Banco de España, que nunca tiveron nas súas prioridades que Galiza contara cunha entidade financieira forte que puidese facer fronte a un embite das grandes caixas, que si controlan tanto PSOE como PP noutros territorios. Seica Galiza e Vigo non se merecen ese mesmo respecto.
E agora tamén se critica o intervencionismo da nova lei. Parece que o PSOE tamén esquecera as súas proclamas doutros tempos. Nós, os nacionalistas, sempre apostamos e apostaremos pola intervención dos poderes públicos no ensino, na vivenda, na sanidade e claro que tamén no sistema financieiro. ¿É que agorá só nós estamos en contra do liberalismo económico que permitiu, entre outras, esta crise pola que estamos pasando? ¿É que agora so nós defendemos que os representantes elixidos democraticamente pola cidadanía son os que deben xestionar a riqueza e a economía para distribuílas axeitadamente entre as clases menos favorecidas? Pois si, nós defenderemos sempre a liberdade e nunca pasaremos polas dictaduras de sectores que inflúen na sociedade desde o poder económico e que mesmo son quen de variar as grandes liñas macroeconómicas según lles interese aos seus beneficios e non aos de toda a poboación. Cando exercemos a democracia facémolo para que as persoas que eliximos nos representen e xestionen a cousa pública por nós. Por iso os representantes públicos somos cambiantes segundo o que a cidadanía considere.
Mentres continúe en política serei sempre coherente e nunca me deixarei levar polos réditos electorais cando se trate de defender o mellor para a miña cidade e para Galiza. Cando se trata de defender a Vigo e a Caixanova ninguén pode arrogarse o máximo papel, xa que foron moitos os pequenos aforradores, moitos os traballadores e traballadoras, os que fixeron posible que a nosa caixa sexa hoxe o que é; anos de historia na que moitos dos que hoxe apelan ao viguismo, sinxelamente nin estaban nin nos defendían.
Coherencia política e realidade política é o que precisa a nosa sociedade e non proclamas partidistas que na meirande parte das ocasións nos levan ao suicidio. A coherencia que sempre practicou o BNG, aínda que moitas veces foramos duramente criticados, pero que co paso do tempo, por desgraza, en moitos temas nos deu a razón. Coherencia como á hora de apostar seriamente dende a anterior Xunta polos nosos sectores básicos. Coherencia histórica na defensa dos intereses de Vigo e Galiza, mentras outras forzas políticas só miraban cara Madrid. Por esta coherencia é pola que milito dende hai moitos anos no BNG e seguirei militando.
Defendamos a Caixanova, eu o primeiro e o BNG tamén, pero defendámola para salvala de buitres que agardan o momento de asaltar á presa. Defedámola para que siga cos pés ben anclados en Vigo e en Galiza e non noutros lugares. Non a defendamos, non por ela, senon por querer manter o poder económico establecido ou por conseguir reditos electorais.