Dar resposta ás consecuencia da crise económica. Esa foi a premisa coa que o BNG afrontou a elaboración dos orzamentos municipais que hai uns días aprobamos inicialmente no pleno. Quixemos volcar o esforzo financieiro en atender as necesidades dos vigueses e viguesas que máis fondamente están a sentir a incidencia da difícil situación económica. Foi por iso que incrementamos o gasto social, definimos medidas contra a crise e reforzamos o investimento produtivo.
A proba do noso compromiso son as cifras. Hai quen fachandea da súa implicación co social, pero logo non o evidencia con feitos. Nós si o facemos, consignando os fondos para poder cumprir. Neste terceiro orzamento municipal do mandato a Concellería de Benestar Social conta co orzamento máis elevado da súa historia. Medrou nun 31% con respecto ao execicio anterior. Son 1,3 millóns de euros máis para atender o incremento da demanda das axudas ás familias, as becas de libros e comedor, o servizo de axuda no fogar e, en xeral, todos os servizos que precisan os sectores máis desfavorecidos.
E se o gasto social crece, tamén o fan as partidas destinadas á axudar ao pequeno e mediano comercio, un dos sectores que máis está sentindo os efectos da crise. O orzamento de Comercio increméntase nun 51% para seguir apostando por medidas como as de incentivar o consumo, con axudas ás familias con menos recursos, e as axudas directas ao comercio. Pero a nosa aposta reflíctese tamén no resto das concellerías nacionalistas, xa que en todas se atende especialmente o gasto social, con incremento das partidas destinadas á colaboración cós diferentes colectivos, asociacións e entidades sociais, deportivas, culturais ou xuvenís.
Son algunhas das pinceladas dun orzamento que vai permitir que esta cidade siga avanzando e se transforme, tendo como referente o traballo para a xente e dando resposta ás vellas demandas da cidadanía, como a recuperación do Casco Vello. Imos seguir avanzando na recuperación do Casco Vello, un proceso que non ten marcha atrás e que imos continuar con novos investimentos para mellora de rúas, a Pinacoteca e o Centro Galego de Fotografía ou campañas de dinamización.
Nestes case tres anos de mandato puxemos en marcha a cidade e no que queda por diante con estes orzamentos seguiremos impulsando este proceso. Nós, en contra do que pensa o PP, defendemos que en tempos de crise é cando hai que incrementar as constas municipais. Sería unha irresponsabilidade que tiveramos diñeiro na caixa cando a cidadanía está aguantando sobre as súas costas as consecuencias dunha crise que, precisamente, en grande medida é o resultado das políticas defendidas desde as filas conservadoras.