Moito se está a falar ultimamente de quen defende a Vigo e quen non, dependendo da posición que teña diante de determinadas cuestións que atinxen á cidade. A min ese discurso paréceme baleiro de contido. Penso sinceiramente que calquera vigués ou viguesa, e mesmo os que non o son pero elixiron a nosa cidade para vivir, quere o mellor para a súa cidade.
Para min, como representante da cidadanía, defender Vigo é algo máis. É xerar consensos, é acadar acordos, é unir e non dividir, é fuxir da confrontación, é sumar e non restar, é conciliar posturas, é xuntar esforzos… En definitiva, é pensar primeiro no que é mellor para a cidade, por riba dos intereses partidistas.
Nos últimos tempos temos no Porto o mellor exemplo do que non hai que facer para defender Vigo. O espectáculo ao que estamos asistindo nas últimas semanas entre a Autoridade Portuaria e o Concello non é bo para a cidade. Os vigueses e viguesas están fartos destas liortas. Non entenden como é posible que a disputa presida a relación entre as dúas administracións.
O certo é que a confrontación á que estamos asistindo non é casual. É o resultado da utilización partidista que nos últimos anos tanto Partido Popular como PSOE veñen facendo do Porto. Son os seus intereses políticos os que marcan a xestión dunha institución que, polo ben de Vigo, debería estar sempre á marxe de calquera movemento político.
No BNG vimos denunciando reiteradamente que a entidade portuaria non é un trampolín político. Non pode moverse ao son que marca o partido de turno que o dirixe. É un dos piares fundamentais da puxanza económica da nosa cidade e non pode continuar sendo unha arma arroxadiza con fins unicamente electorais. Se PP e PSOE din defender Vigo o que terían que facer é deixar á marxe ao Porto da contenda electoral e abrir canles de diálogo que permitan unir e non dividir.
O que realmente precisa o Porto é unha xestión eficaz, que resolva o seu futuro. O BNG teno claro. Para iniciar un novo rumbo o que debería facer a presidenta da Autoridade Portuaria é presentar, dunha vez, o Plan de Utilización de Espazos Portuarios e deixarse de iniciar actuacións que non contan coa cobertura legal suficiente.