O acceso público, universal e gratuíto a unha sanidade de calidade é un dereito gañado a pulso pola nosa sociedade. Sen embargo, o que neste século XXI parecía unha conquista plenamente consolidada está hoxe en grave perigo de perderse.
A política privatizadora que o Partido Popular instalou desde a súa chegada á Xunta de Galiza afecta tamén á sanidade. A construción do novo hospital de Vigo é o exemplo máis salientable do novo rumbo que o Goberno de Núñez Feijóo quere dar á sanidade pública.
Sen contemplacións, o PP sepultou todo o traballo que o anterior Goberno bipartito fixera para que a área sanitaria de Vigo contara co tan demandado novo hospital. Tras décadas reclamandoo, por fin se chegara a un consenso sobre onde, cando e como se ía construír. Existía un plan funcional que recollía todas as necesidades que a área sanitaria sur ten hoxe e vai ter no futuro. Parecía que, por fin, Vigo contaría cun hospital público de referencia no que a atención de calidade estaría garantida.
O PP tirou por terra todo ese traballo e deseñou unha nova estratexia para a construción do centro na que prima o baremo económico por riba da calidade asistencial. Co falso argumento de que a administración pública non pode asumir o custe dunha infraestrutura desas características, pon en mans da iniciativa privada a construción e a prestación de servizos básicos do futuro hospital.
Xogámonos moito. Se non paramos este tren privatizador que o PP puxo en marcha atoparémonos con serias deficiencias na sanidade pública. Perderase a calidade que é hoxe o seu sinal de identidade. E coma sempre serán os que menos teñen os que máis directamente sufrirán as consecuencias do deterioro do servizo público de saúde.
Só dende o carácter público dos servizos se pode garantir a calidade de atención sanitaria a todos os usuarios e usuarias. O PP sábeo, pero prefire xogar coa nosa sáude e buscar a rendandabilidade económica do proxecto.