32 millóns de metros cadrados. Esa é a superficie á que afecta o Plan de Ordenación do Litoral (POL) elaborado pola Xunta do Partido Popular. Detrás desa cifra hai centos de veciños e veciñas afectados, espazos da cidade sensibles medioambientalmente e núcleos de poboación consolidados. Sen embargo, á vista do que recolle o documento, o PP é totalmente alleo a esta realidade. Non podemos sorprendernos. É o que acontece cando se traballa sobre mapas virtuais e se axustan as conclusións a intereses políticos.
Non hai no documento nada que evidencie o compromiso do PP coa protección do litoral, un dos grandes tesouros da nosa cidade. Lonxe do que se di, non é un plan para a conservación, é un plan para a destrución. Afecta gravemente ao crecemento e ordeamento urbanístico da cidade, está elaborado sen criterio, nin rigor e non se axusta á realidade do planeamento urbanístico de Vigo.
O que debería ser un documento que protexera zonas sensibles, como pode ser a ría, esquece cuestións tan fundamentais como delimitar a expansión do Porto, pero consolida regatos hoxe xa inexistentes con afeccións de 250 metros. Pon en serio risco a rexeneración da praia de Samil, pero mantén urbanizacións que o anterior goberno bipartito quería eliminar. Así é como entende o Partido Popular a protección do litoral.
É unha forma de actuar certamente sospeitosa, aínda máis se temos en conta que en Vigo tiñan que esforzarse ben pouco para elaborar o POL. Só debían asumir o PXOM, que está totalmente adaptado á lexislación medioambiental vixente. Non se entende que contando cun Plan Xeral, recentemente aprobado e que o PP respaldou no seus aspectos medioambientais, agora elaboren un documento que non o respecta e que pon en xogo o desenvolvemento futuro da cidade.
Nada explica, nin xustifica este Plan de Ordenación do Litoral. Si o Partido Popular non agocha intereses oscuros nel, ten que demostralo e debe adaptalo ao PXOM ou retiralo.