O 25 de Xullo celebramos o Día de Galicia, o noso día, o día de todos os galegos e galegas. É algo máis que unha data, é un día para conmemorar que somos un país con historia, lingua, cultura e identidade propias. Na Tenencia de Alcaldía quixemos implicar activamente a toda a cidadanía nesta celebración. Por iso, coa finalidade de que calquera persoa que o desexe poda festexar o 25 de Xullo, distribuímos 5.000 bandeiras galegas para que as colguen do seu balcón ou as poñan na súa fiestra.
Animo a todos os vigueses e viguesas a recoller as bandeiras e facelas presentes nas súas vivendas para amosar así que seguimos crendo no noso país e en Vigo como parte fundamental dese país. É un xeito sinxelo de celebrar o Día de Galicia, demostrando que estamos orgullosos de ser galegos e galegas e do que representamos como país.
Esta iniciativa da continuidade á realizada o ano pasado coa campaña “Dalle a lingua”, que se desenvolveu tamén ao redor do 25 de Xullo na defensa do galego diante dos ataques que estaba sufrindo por parte do Partido Popular. Este ano deseñamos a campaña do Día de Galicia coa finalidade de seguir defendendo os nosos sinais de identidade e para facer partícipe a toda a cidadanía da celebración do día de todos os galegos e galegas.