Crise económica. Dúas palabras que definen claramente este 2010 que esgota os seus días. As consecuencias das erradas políticas neoliberais que no ano 2009 xa deixaron sentir a súa dureza, foron neste ano aínda moito máis severas. Os 30.000 parados rexistrados na nosa cidade e os 60.000 que hai na comarca son cifras suficientemente elocuentes para avaliar a gravidade da situación pola que estamos a pasar.
A crise económica azouta con forza e faino sobre os sectores máis desfavorecidos e a clase traballadora. Recortes nos dereitos laborais e nas prestacións salariais, unha reforma laboral que se fai á marxe dos sindicatos e a reforma das pensións que está en marcha. Estas foron as medidas que o goberno do PSOE impuxo neste ano como solución á crise. E fíxoo coa crítica hipócrita dun Partido Popular que cala e non di cales son ás súas receitas para saír da difícil situación que atravesamos. Posiblemente non fala, porque non ten moito que dicir. O exemplo témolo no goberno do PP na Xunta. O señor Alberto Núñez Feijóo, que prometeu como candidato resolver todos os problemas que tiñamos en 45 días, non puxo aínda nin unha soa medida eficaz enriba da mesa contra a crise. Non adopta solucións para a xeración de emprego e reduce os recursos destinados aos servizos sociais. Porén a súa política está a ter un dos seus eixos na privatización dos servizos públicos como a sanidade e aí está, por exemplo, a privatización do novo hospital de Vigo.
Fronte as medidas antisociais do PSOE e PP, o BNG tivo claro desde o inicio desta situación cara onde tiña que ir a nosa xestión. Desde todas as áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía centramos neste ano os nosos esforzos en dar resposta ás consecuencias da crise, redobrando a atención ás persoas máis desfavorecidas, que son sobre ás que máis directamente incide, e tamén apoiando aos sectores sobre os que se sostén a economía da nosa cidade. Duplicamos os orzamentos de Benestar para incrementar os recursos sociais, creamos unha liña de axudas directas ao comercio, favorecemos a creación de emprego coa posta en marcha de proxectos para afondar na recuperación do Casco Vello, traballamos na promoción exterior de Vigo para impulsar o turismo, que é xa o terceiro sector económico da cidade, e apostamos pola celebración de grandes eventos que deixan un importante retorno económico. Son só algunhas das actuación que o BNG liderou este ano para moderar o impacto que a crise está a causar en Vigo.
Iniciamos agora un novo ano cunhas perspectivas económicas que non varían significativamente das actuais. Medidas como as últimas aprobadas polo Goberno do Estado eliminando a paga de 426 euros que viñan percibindo as persoas desempregadas non contribúen a despexar o horizonte.
Desde a responsabilidade que o BNG ten no goberno da cidade imos centrar a nosa xestión en seguir paliando as consecuencias da situación económica, fronte á paralise do Partido Popular na Xunta e as medidas do Goberno socialista castigando á clase traballadora. As políticas sociais e a loita contra a crise serán as prioridades nos vindeiros meses. Atender ás persoas que máis o precisan e impulsar medidas para a xeración de emprego serán novamente os nosos obxectivos. Porque é certo que Vigo precisa o AVE, mellorar as súas conexións viarias, que se faga realidade dunha vez a Área Metropolitana, máis e mellores conexións aéreas en Peinador, que avance a Cidade da Xustiza e moitas cousas máis, pero o realmente prioritario nestes momentos para nós é que se creen novos postos de traballo.
Gobernar é saber priorizar e eu teño claro cal debe ser hoxe a prioridade dun responsable político. Nun tempo no que o paro avanza e está chegando a todas as familias da nosa cidade, o noso obxectivo vai ser axudar á xente que sofre directamente as consecuencias desta situación e impulsar medidas de apoio aos nosos sectores produtivos. Só así seremos quen de facer que a nosa cidade recupere o pulo que sempre tivo.