A poucos meses das eleccións municipais o goberno do Partido Popular saca da chisteira un anteproxecto de lei de Área Metropolitana, elaborado sen consenso e sen modelo de vertebración territorial. A consecuencia deste xeito de actuar do PP vai ser que van matar a Área Metropolitana antes de que naza.
O BNG, que foi a forza política que impulsou o proxecto de Área Metropolitana sendo alcalde Lois Pérez Castrillo, mantén a súa aposta pola creación deste organismo, pero non pode pechar os ollos e aceptar a proposta do PP. Nós queremos a Área Metropolitana, pero non así. Non podemos respaldar o panfleto electoralista que o PP acaba de presentar como anteproxecto de lei.
Pola importancia que nós lle damos a Área Metropolitana, non podemos aceptar que hipoteque o futuro dos concellos que a integran. E iso é o que pasaría se non se modifica a proposta do Partido Popular.
Nós queremos que a Área Metropolitana realmente sirva para mellorar os servizos que reciben os veciños e veciñas e iso non se garante con ese anterpoxecto de lei. Para acadar ese obxectivo o punto de partida debe ser consensuar entre todas as forzas políticas o modelo de Área Metropolitana, como fixo o BNG cando liderou a súa posta en marcha.
Os nacionalistas mantemos hoxe a mesma postura que entón. Son outros os que cambiaron. Foi o PP quen rompeu o consenso cando rexeitou as emendas do BNG e foi tamén o PSOE quen se descolgou do proxecto inicial presentando diferentes propostas como o consorcio de servizos, unha área de 28 concellos ou unha área Vigo-Pontevedra.
A nosa proposta non variou. Seguimos defendendo que é preciso definir claramente como se vai financiar, pero tamén clarificar as competencias e servizos que vai prestar e valeirar as competencias da Deputación, para non duplicar administracións e controlar o gasto público.