A promoción exterior da cidade foi unha das miñas preocupacións durante os tres anos e medio de mandato no departamento de Turismo. Miña e do resto dos concelleiros e concelleiras do BNG. Para nós, promover Vigo é unha forma de fomentar a actividade económica no sector turístico e crear postos de traballo. Mais tamén é un xeito de favorecer a autoestima dos vigueses e viguesas, de estarmos orgullosos da nosa cidade e do seu patrimonio histórico e natural. É por iso que a nosa viaxe á Feira Internacional de Turismo en Madrid era unha cita obrigada.
A promoción turística da nosa cidade xira arredor de dous eixes: o recentemente recuperado Casco Vello e a Ría. Os datos de visitas ás Illas Cíes bateron récords en 2010, con máis de 110.000 visitantes nos meses de xullo e agosto, un 20% máis que no anterior ano. Todo isto está complementado pola labor do Vigo Convention Bureau, creado para fomentar o turismo de congresos e negocios. Os datos serven de esteo ao noso labor, xa que subiu até un 8% o número de persoas hospedadas na cidade, mesmo neste escenario de crise económica.
Quizais unha das cuestións que máis nos enche de orgullo á delegación viguesa que visitou Fitur é o filme que imos presentar sobre a recuperación do Casco Vello. Através da ficción, nunha longametraxe de 60 minutos dirixida por Eduardo Rolland e protagonizada por Luís Tosar, queremos amosar a “reconquista” para a cidadanía da parte antiga da cidade. Estamos modestamente orgullosos de ter contribuído a recuperar o que foi o corazón da que hoxe é a cidade máis grande de Galiza. Porque sabemos que recuperar o espazo público para a xente é un dos sinais de identidade do BNG.
Para nós, cultura e promoción turística danse a man nesta curta, que estrearemos en breve para que os vigueses e viguesas poidan aprezala. E en marzo aspiramos a que a Festa da Reconquista consiga alcanzar máis visitantes ca nunca, enchendo de vida as rúas do novo Vigo Vello.