Comparto con vós este texto que hoxe publica, nunha versión máis reducida, o Faro de Vigo:
O sindicalismo nacionalista convocou para mañá unha folga xeral contra a reforma das pensións impulsada polo goberno de Zapatero, que vai prexudicar gravemente os traballadores e traballadoras de hoxe, que serán os xubilados de mañá. Se estudamos a situación actual da Seguridade Social decatámonos que a suposta non sustentabilidade a medio prazo do actual sistema de pensións é unha falsidade. Este ano 2010, que foi un dos peores en termos económicos, o sistema de pensións contributivas, dotado cun fondo de reserva de 60.000 millóns de euros, continúa tendo beneficios. É un dato revelador, mais aínda se temos en conta que case o 20% da poboación activa do Estado está no paro. Se esas persoas estivesen a traballar, o superávit da caixa da Seguridade Social sería maior.
O que está en crise non é Seguridade Social senón os fondos de pensións dependentes da banca. Preténdese devaluar as pensións públicas, para que a xente se vexa obrigada a contratar plans privados, solucionando así os problemas de liquidez do capital financieiro. Isto farase pola vía de reducir boa parte das pensións públicas a niveles de subsistencia, obrigando á xente á complementalas mediante o recurso á iniciativa privada. Hoxe en día as pensións galegas son as máis baixas do Estado; moitas persoas cobran en torno a 500 ou 600 euros despois de pasar toda unha vida traballando. Segundo a reforma que propón o goberno de Zapatero reducirase a contía das pensións e aumentarán os anos que hai que traballar para poder xubilarse coa pensión completa. Unha vez máis, as mulleres, que son as que reciben as pensións máis baixas, e os mozos que están no paro serán os máis prexudicados.
Ademais, esta semana unha nova noticia negativa veu sumarse á rebaixa das pensións: a bancarización das caixas forzada tamén polo goberno do PSOE. Se a sociedade viguesa e galega non reaccionan, vai supoñer un auténtico espolio do noso aforro. O Banco de España está a esixirlles ás caixas de aforros unhas condicións durísimas para así forzalas a entregar os fondos á banca privada. Agora é a quenda do señor Feijóo, que ten que dicir se defende ao PP, á banca privada ou aos galegos e galegas. Os nacionalistas temos claro que Novacaixagalicia pode e debe continuar sendo unha institución fundacional e semipública, comprometida coas empresas e familias do país. Ese é o noso compromiso, e por iso defendemos no seu día a fusión galega e a lei de caixas.
Ambas as dúas medidas van na mesma liña. Por un lado, rebáixanse as pensións públicas para facilitar o negocio da gran banca a través dos seus plans de pensións, seguros de vida e outros produtos financieiros. Polo outro, preténdese acabar cunhas institucións centenarias como as caixas de aforros, que fan obra social e non reparten beneficios, para eliminarlles competencia ao Santander e ao BBVA. Coma nun casino, a banca sempre gaña. Sabemos que a decisión da CIG -e outros sindicatos minoritarios- de convocar unha folga xeral foi difícil pero meditada e tal vez non sexa comprendida por todos. Pero esta unha folga non vai contra os pequenos empresarios e comerciantes, que tamén son vítimas das políticas de austeridade e da conxelación dos créditos, senón a favor dunha nova política económica que cree máis emprego, mellores salarios e garanta as pensións. Chamamos aos cidadáns a mobilizarse en favor dos dereitos sociais adquiridos e en defensa do Estado do Benestar. O BNG manterá a súa posición en defensa da caixa galega e das nosas pensións, agora e despois das eleccións. Será tamén o noso compromiso para que os cidadáns recuperen a confianza na política.