Este luns o pleno suspendeuse antes de tempo por mor das protestas das traballadoras da limpeza, co cal o BNG quedou sen presentar varias mocións de importante contido. Unha delas tiña a ver coa nosa preocupación polos distintos recurtes sociais que se veñen producindo, tanto desde o goberno central como desde a Xunta de Galiza.
Ademais da nosa crítica á reforma das pensións e outras medidas de axuste, os nacionalistas estamos fondamente preocupados pola desprotección na que se van atopar moitas persoas que viven por baixo do limiar da pobreza, na que se atopan no noso país máis de 600.000 persoas. Non obstante, o número de persoas perceptoras da renda de integración social de Galiza (RISGA) é menor de 5.000 e os orzamentos elaborados pola Xunta de Galiza para 2011, malia recoñecer que vai haber un incremento de solicitudes do 18%, para 2011, conxelaron a contía total.
Debemos prestar atención ao que iso significa: recoñécese que vai haber persoas con dificultades moi graves para comprar comida ou pagar o aluguer e a pesar diso non se dotan máis fondos. A Xunta de Feijóo conxela, xa que logo, non só a RISGA, senón tamén as Axudas de Emerxencia Social; o Servizo de Asistencia no Fogar e as destinadas ao financiamento dos Plans Concertados e de Servizos Sociais Comunitarios. Como vemos, a austeridade proclamada polo presidente conservador afecta principalmente aos menos favorecidos.
A isto debemos sumar a supresión por parte do goberno central da axuda de 426 euros que viñan recibindo 9.000 galegos e galegas que xa non podían cobrar o paro. Nun momento no cal moitos traballadores están a esgotar as prestacións por desemprego, esta revélase especialmente dura, máis propia de Margaret Thatcher na Inglaterra dos 80 que dun executivo progresista. Pola nosa parte, e na medida das nosas posibilidades, a concellaría de Benestar xestionada polo BNG está a dotar con recursos propios as axudas de emerxencia para compensar o que outras administracións non fan. A concelleira María Méndez acaba de anunciar que o orzamento municipal contará con 400.000 euros para as persoas que reclamen e realmente precisen axuda neste momento de crise. Unha cantidade que poderán ampliarse de ser necesario. Este é o compromiso do BNG de Vigo coa xente, mentres outros toman decisións especialmente antisociais.