Primeiro Tunisia, despois Exipto. Poida que tamén en Marrocos ou Xordania. A maioría da poboación das nacións do Norte de África e do Próximo Oriente está a se mobilizar para derrocar aos ditadores que os gobernan. No caso de Tunisia, as protestas partiron das zonas máis pobres do país, até chegar á capital. Participaron nelas membros de distintas clases sociais, pero foi moi destacado o papel dos traballadores e os parados, así como tamén moitos sectores profesionais descontentos coa corrupción institucionalizada.
Cómpre ter en conta o papel decisivo das mulleres en xeral e dos mozos e mozas na revolta contra Zine Ben Alí, o ditador que levaba 23 anos no poder. Pensemos que en moitos estados árabes a maioría da poboación é menor de 30 anos. O rol das mulleres nas rúas tunisianas tamén foi decisivo, xa que Tunisia é un dos países musulmáns onde o seu status social é máis elevado, unha conquista que os cambios revolucionarios deben manter e aprofundar.
A situación de Exipto non é a mesma que a de Tunisia, xa que este país é unha peza decisiva no taboleiro xeopolítico internacional. O actual réxime exipcio recibe abundantes fondos dos Estados Unidos, no que poderiamos cualificar de “soborno” para manter a paz con Israel e o control da fronteira sur de Gaza. En todo caso, as demandas da poboación que protesta nas rúas do Cairo e Alexandría son as mesmas que en Tunisia: fin da corrupción, fin das alzas de prezos causadas polas políticas neoliberais do Fondo Monetario Internacional e en definitiva, democracia con liberdades de reunión, asociación e expresión. Todo parece indicar que Mubarak presentará a súa dimisión, pero o futuro do país dependerá de moitas circunstancias, entre elas o rol xogado por Israel, Estados Unidos e a Unión Europea, que apostarán por un goberno que manteña a continuidade nas políticas desempeñadas polo actual presidente.
Desde o BNG, unha forza política comprometida coa loita pola liberdade dos pobos de Palestina e do Sáhara Occidental, consideramos oportuno mostrar a nosa solidariedade coas outras nacións árabes que apostan por se liberar dos seus gobernos autocráticos. Así mesmo, pensamos que a Unión Europea debería reflexionar sobre a súa política exterior, que ten lexitimado constantemente determinadas políticas. Énchenos de satisfacción tamén ver o papel dos mozos e das mulleres nas revoltas, porque pensamos que a política non debe ser só un asunto de homes maiores de corenta anos. Nin aquí nin no Norte de África.