Atravesado pola autoestrada e polas vías do tren, o barrio de Teis é vítima da súa situación xeográfica, na entrada norte de Vigo. Está cortado por dúas vías de transporte que dificultan a súa comunicación interna, cos conseguintes problemas de contaminación acústica e visual. É por iso que o BNG, desde o ano 2001, está traballando para conseguir que o último tramo da autoestrada poida converterse nunha vía urbana xestionada polo concello. Hoxe de feito, a deputada viguesa do BNG, Olaia Fernández Davila e mais eu reunirémosnos con distintos representantes sociais e veciñais de Teis para tratar sobre este asunto.
Foi precisamente no 2001 cando desde o goberno municipal liderado polo BNG se lle solicitou ao ministerio de Fomento (presidido por Álvarez Cascos) a cesión deste tramo. Non foi posible pola negativa do goberno estatal do PP e da empresa concesionaria da autoestrada. Hai uns días, Olaia volvía levar esta proposta ao Congreso. Pero agora quen dixo non foi o ministro José Blanco. Como xa teño dito, non se pode falar da ampliación da ponte de Rande ou da autovía alternativa sen peaxe Vigo-Pontevedra ao tempo que se ignoran as xustas demandas dos veciños e veciñas de Teis.
Pero, qué beneficios traería para Teis e para toda a parte norte de Vigo a cesión da AP9? Pois o máis importante é que poderiamos aliviar de tráfico (sobre todo o tráfico pesado) rúas como Sanjurjo Badía e a Travesía de Vigo, así como levar a cabo un proceso de humanización no que sería unha nova rúa de Vigo, que agora está nun estado moi deteriorado sobre todo nas marxes. Tamén mellorariamos os accesos ao Troncal e ao Barrio das Flores.
Sabemos que é unha proposta ambiciosa, posto que requirirá negociar con Autopistas del Atlántico. E sabemos que esta compañía goza agora dunha posición reforzada, posto que a súa concesión non caduca até o 2048, debido a unha prórroga feita durante a presidencia de Fraga mentres era conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo. Pero o BNG e eu como candidato comprometémonos a manter esta proposta destinada a un dos barrios máis populares de Vigo e historicamente mal tratado como é Teis. Antes ou despois imos conseguilo, co apoio dos veciños e veciñas.