Hai 8 días presentamos a web www.euparticipoenvigo.org . Como dixen na rolda de prensa, “non queremos gobernar desde os nosos despachos e cos nosos esquemas, senón que pretendemos saír á rúa e escoitar á xente”. De momento está ferramenta web xa ten máis de 150 ideas rexistradas, enviadas e votadas, por un total de 192 usuarios rexistrados.
Coméntovos as cinco propostas máis votadas:“prohibir espectáculos crueis cos animais e declarar Vigo cidade amiga dos seres vivos”, “facer un carril bici continuado desde Ríos até Samil”; “recuperar a Panificadora como centro cultural ao estilo do que se fai en Berlín e outras cidades europeas”, “a creación dun sistema de transporte metropolitano” e “mellorar a conexión da cidade con Peinador através de máis liñas de bus”. Cómpre dicir que a cuarta a escribín eu o día da rolda de prensa e que foi unha idea de Eudosio Álvarez mentres preparábamos o que íamos dicir (ás veces as cousas funcionan así)…
Esta ferramenta participativa facilite que os usuarios clasifiquen as ideas por barrios e parroquias. Loxicamente, os apartados con máis propostas son o Centro de Vigo e o Casco Vello, así como aquel que recolle ideas para o conxunto do concello. Pero tamén temos moitas propostas para Teis pedindo reformas para humanizar a Travesía de Vigo e tamén a zona de Guixar. Así mesmo, rexistráronse bastantes ideas normalmente relacionadas coa mellora de zonas degradadas e do transporte, así como coa creación de novas zonas verdes, nos barrios do Calvario, Coia e Navia. En Coruxo, unha das propostas, asinada por Pablo Cons, pide “que todos os vigueses poidamos entrar na illa de Toralla”.
Aproveito para pedirvos que entredes na web e colaboredes con nós para dar ideas para contribuír á mellora da nosa cidade. Podedes rexistrarvos mediante as redes sociais Facebook e Twitter, ou se non mediante o voso correo electrónico. Queremos construír entre todos e todas o Vigo do futuro.