Cando se achegan as eleccións, as persoas que nos dedicamos á política facemos pre-campaña e campaña electoral. Ás veces criticásenos por iso. Pero tanto eu como os meus compañeiros e compañeiras do BNG estamos convencidos de que moitos dos ataques indiscriminados cara a mal chamada “clase política” non son máis que unha forma de desacreditar a propia democracia, fomentar o conformismo e manter no poder real aos mesmos de sempre. E pretendemos demostrar que non todos os políticos son iguais.
Volvendo ao rego. Nesta pre-campaña, que xa comezou, estamos a realizar reunións con afiliados e simpatizantes polos barrios e parroquias da cidade de Vigo, así como con distintos colectivos interesados en escoitar as nosas propostas. Teño escoitado moitas cousas nestas reunións, desde historias estarrecedoras sobre a crise (exemplo: a dunha familia que saca ao seu avó dunha residencia de anciáns para poder ter o efectivo da pensión), pasando por peticións sobre obras concretas nas parroquias, até reflexións sobre o futuro do nacionalismo e da esquerda nestes tempos difíciles.
O pasado luns, por exemplo, estiven en Comesaña, onde puidemos visitar ás mulleres que facían distintas actividades (pilates, pintura), tomar algo no bar cos veciños e veciñas e posteriormente facer a nosa reunión de traballo. Hoxe desprazareime con María Méndez e Manolo Caride até a parroquia de Zamáns, onde nos reuniremos cos mozos e mozas que organizan o Carrascal Rock, sobre todo para coñecer as súas opinións e tamén para darlles a visión do BNG sobre política cultural e xuvenil. Pensamos que non hai mellor forma de chegar á cidadanía que a comunicación directa para dar a coñecer a nosa visión das cousas sobre o futuro de Vigo.