Unha vez máis, as liortas entre porto e concello de Vigo protagonizan o debate político na nosa cidade. Esta vez, a raíz do precintamento das naves de froita por parte do Concello, seguido da querela do Partido Popular. Vaia por diante que sempre defendín que o Porto de Vigo conte cun plano de usos, unha demanda constante do BNG para evitar (ou atenuar, polo menos) novas agresións á Ría de Vigo.
É preciso que Concello e Porto se poñan de acordo para deseñar estratexias de futuro nestes tempos de crise, e sobre todo para poñelas en práctica. Para iso, sería interesante que a Autoridade Portuaria fose dirixida por cargos de perfil técnico que non empregasen esta institución como trampolín electoral, tal e como está a facer agora a señora Porro e tal e como fixeron anteriormente outros representantes do PSOE e do PP.
O Porto estivo a empregarse como plataforma electoral durante os últimos quince anos e o Plano de Usos do Porto segue sen aparecer. Tanto o PSOE como o PP carecen de credibilidade neste debate, e agora cometen a irresponsabilidade de xudicializar a vida política, como se os tribunais fosen quen de resolver o que lles compete a eles.Mentres o debate se centra en quen pon a querela a quen, seguimos sen planificar o desenvolvemento do tráfico marítimo e a ordenación da parte costeira da cidade. Vigo perde tráficos, mentres a presidenta da autoridade portuaria se dedica a poñer palmeiras.
A colaboración institucional é posible, sempre que haxa vontade política. Ten que primar o interese da maioría dos vigueses e viguesas por riba de intereses electoralistas a curto prazo: en definitiva, creo que os partidos debemos chegar a acordos duradeiros sobre determinadas cuestións estratéxicas para Vigo. Este tipo de conflitos e liortas constantes provocan cansazo na cidadanía e desapego pola política, algo que nos debería preocupar seriamente.