Os homes (e as mulleres) teñen demostrado ao longo da historia terse comportado como a especie elixida para dominar o mundo. Pero hai un factor externo a nós que non podemos controlar, nin através da ciencia, nin através da política: a natureza. E a natureza é capaz de rematar coa terra que pisamos.
Como todos e todas sabedes, Xapón sufriu o pasado venres as consecuencias do que algúns chamaron “enfado da natureza”. O tsunami máis brutal dos últimos 140 anos arrasou con todo o que se atopou no camiño. Producíronse milleiros de vítimas e todo Xapón (e as nacións veciñas) está tremendo polas consecuencias dos escapes radioactivos da central nuclear de Fukushima. Isto abre de novo o debate sobre a enerxía nuclear. En primeiro lugar, temos que expresar a nosa solidariedade coa xente que está vivindo en primeira persoa as consecuencias da catástrofe, tanto do tsunami como da ameaza nuclear; por non falar das consecuencias secundarias, como o desabastecemento eléctrico que xa afecta a Tokio, unha das cidades máis grandes do mundo.
A Organización Mundial da Saúde pide prudencia, e o certo é que as autoridades xaponesas están a facer o que poden, pero o risco é terrible: nestes momentos hai perigo de fusión dos reactores 1, 2 e 3 da central. E que facermos a partir de agora? Desde logo que o acontecido pon de novo sobre a mesa o debate nuclear. E nese sentido, non por oportunismo, senón por coherencia, é preciso lembrar a oposición do BNG á enerxía nuclear. A finais dos 70 e comezos dos 80 o nacionalismo daquela existente mobilizouse -con éxito- contra un proxecto nuclear en Xove, na Mariña de Lugo e tamén contra os vertidos radioactivos na Foxa Atlántica, moi preto da costa galega.
É certo que moitos países apostaron polas nucleares como unha vía de garantir a autonomía enerxética fronte á necesidade de importar combustibles fósiles (carbón e derivados do petróleo). Hoxe mesmo, o 22% da electricidade xerada no Estado español é de orixe nuclear. No entanto, pensamos que o risco de accidente, e o problema practicamente irresoluble do tratamento dos residuos son motivos para descartala como alternativa desexable. E desde logo, é unha alternativa innecesaria para Galiza, que é un país excedentario en produción eléctrica.