Lugrís, Maside, Colmeiro, Laxeiro, Castelao, os pioneiros da pintura de estilo “rexionalista”, autores da xeración Atlántica como Menchu Lamas ou Antón Patiño… Estes son algúns dos e das artistas presentes na Pinacoteca do Museo da Cidade, en total, 163 obras de 83 autores e autoras galegas. Acostumados como estamos a que todo se eternice nesta cidade, cómpre felicitármonos pola rapidez coa que demos rematado esta obra. Un traballo polo que debo felicitar a Eudosio Álvarez, concelleiro de Patrimonio, así como aos funcionarios e funcionarias do Museo Quiñones de León e aos arquitectos municipais.
É importante o contido, máis tamén o continente. Porque non só poñemos en valor os fondos artísticos dos que xa dispuñamos no museo da cidade, senón que esta obra nos permitiu recuperar o pazo de Arias Taboada. Situado na rúa de Abeleira Menéndez, tiñamos unha auténtica xoia arquitectónica do século XVII que pertencía ao daquela gobernador da vila de Vigo, abandonado e sen restaurar, e agora, no marco do ambicioso programa de reforma urbana do Novo Vigo Vello, conseguimos recuperar e poñer en valor.
Durante os primeiros tres días que estivo aberta, a exposición “O fermoso rostro do país” recibiu xa 1.600 visitantes, coincidindo tamén co festivo da Reconquista. Desde logo, estou convencido que o compromiso e a sensibilidade do BNG cara a arte galega e cara ao noso patrimonio arquitectónico está a marcar a diferencia. Nese sentido, non podo deixar de lembrar outros investimentos culturais, como a musealización do xacemento do Castro, a futura posta en marcha do Centro Galego de Fotografía ou a reforma do Auditorio Municipal.
Como dixen na inauguración (podedes ver o vídeo facendo click na ligazón), estou orgulloso de ter contribuído a amosar ao mundo, nas condicións axeitadas, un dos maiores tesouros culturais da cidade. E agardo que a Pinacoteca sirva tamén para que os vigueses e viguesas teñamos un pouco máis de autoestima e de orgullo polo noso.