Este luns participei xunto con boa parte da candidatura nun acto público no Calvario. Foi un dos primeiros actos abertos desta precampaña, que aproveitamos para reivindicar a nosa acción de goberno en favor das persoas. Pero tamén para reivindicar o traballo dos compañeiros e compañeiras que nos precederon no Concello, como pioneiros da transformación de Vigo para convertir a nosa cidade nunha urbe máis social e máis sustentable, pensada para vivir e non só para traballar.
O BNG decidiu peatonalizar o Calvario coa oposición, ou coas reticencias, doutras forzas políticas durante o mandato municipal 1999-2003. Apostamos no seu día por facer deste barrio (e da Praza da Independencia, e do Casco Vello) espazos para que a xente pasease, retirando o tráfico de vehículos dalgunhas rúas. Por iso fomos moi criticados polo PP e tamén polos que daquela eran os nosos socios minoritarios de goberno. Pero demostrouse que o BNG foi capaz de abrir camiños. Como dixemos no seu día: “queremos converter a cidade-taller en cidade-fogar”.
Durante estes últimos catro anos de mandato, o Calvario, ao igual que o resto dos barrios e parroquias que vertebran a nosa cidade seguiu recibindo a nosa atención: por exemplo, a través das reformas e investimentos no mercado municipal -unha das áreas que eu xestionei persoalmente desde a Tenencia de Alcaldía-, ou, xa nun plano máis simbólico, mediante a inauguración do monumento “Fiestra á Liberdade” aos heroes que en 1936 defenderon o antigo Concello de Lavadores durante a sublevación do xeneral Franco.
O BNG ten unha visión de cidade policéntrica, pensando en que os veciños e veciñas de Vigo deben ter os mesmos dereitos vivan onde vivan. É dicir, apostamos decididamente polos nosos barrios e parroquias, que é o lugar onde suceden as vidas, os soños e as ilusións da maioría dos vigueses e viguesas. Esta será sempre unha sinal de identidade do proxecto político ao que pertenzo, un proxecto que pretende poñer ás persoas por riba de todo e combater todo tipo de discriminacións.