O BNG ten levado a iniciativa nesta campaña electoral. Somos os únicos en facer propostas que logo os demais copian. Levo tempo pedindo que as outras forzas políticas con posibilidade de acceder á Alcaldía digan con claridade cal é o seu proxecto e o seu modelo de cidade. A realidade é que o fomos a única forza política que presentou o seu programa completo o día do inicio oficial da campaña, resumido nos 13 Compromisos con Vigo.
A día de hoxe, seguimos sendo a única forza política que ten amosado unha posición clara sobre cuestións como a mobilidade e o transporte público, apostando pola creación dun ente metropolitano de transportes e pola posta en marcha de carrís bici na nosa cidade. Tomamos posición con claridade sobre a remunicipalización do servizo de augas cando caduque a actual concesión, no 2015. Demos cifras e datas claras sobre que facer en materia de emprego e servizos sociais: 2.500 postos de traballo a crear en dous anos con fondos municipais e tamén un aumento da porcentaxe do orzamento destinado a soster a cuarta pata do Estado do Benestar, os servizos de Benestar Social, até acadar o 8% do total.
É preciso concentrar o voto da xente galeguista e nacionalista que lle quere ao noso país. E tamén o voto de toda a esquerda, de toda a xente progresista que de cotío se dá conta de que as dúas grandes forzas políticas estatais seguen os ditados da gran banca, da chanceler Merkel e do Fondo Monetario Internacional. Mais sobre todo, é preciso frear ao Partido Popular, que é quen representa, desde o goberno da Xunta de Galiza, a aplicación das receitas da dereita dura no noso país: recortes en políticas sociais, en políticas de apoio ás mulleres e privatización encuberta da sanidade pública, como vemos en Vigo co proxecto do novo hospital. Lembremos que desde que Feijóo goberna a Xunta hai 75.000 parados e paradas máis no noso país.
O día 22 de maio, temos que dicirlle ao señor Feijóo que non queremos esas políticas de dereitas en Vigo. Que non queremos que trasladen aos concellos os recortes sociais que están a facer na Xunta de Galiza. Votar a Corina Porro significa apoiar ao mesmo partido que ataca o galego, que favorece ás empresas de fóra e recorta dereitos aos máis desfavorecidos. Votar ao BNG, cuxa lista teño a honra de encabezar, é votar polo equipo da casa, polos que van defender un Vigo máis igualitario e con máis emprego, votar por un Vigo que sexa capital metropolitana e siga sendo o motor económico de Galiza.