Eliminación do servizo de coidadores de barrio e do bus eléctrico, peche do Centro de Artesanía Tradicional, falta de limpeza e mantemento diario… Vigo corre o risco de que o deterioro volva o seu Casco Vello “grazas” ao abandono imposto polo goberno municipal.
Nos seus primeiros cen días, o goberno da cidade non só non puxo en marcha ningunha nova iniciativa que contribúa á dinamización do Casco Vello, senón que as arroutadas do alcalde unicamente van na liña da paralización dos proxectos existentes. Por non falar da ocorrencia de que os coches eléctricos circulen polas súas rúas…
A recuperación do Casco Vello é un proxecto que require planificación, constancia e, sobre todo, un compromiso firme por parte dos dirixentes. Só con estes criterios será posible que no barrio histórico de Vigo a cidadanía poda residir, pasear, mercar e, en definitiva, vivir.