Facer balance dun ano como o de 2011 para un representante dunha forza política sensible coas persoas máis desfavorecidas como é o BNG non deixa de ser doloroso. A crise económica e as súas consecuencias para multitude de familias ten sido unha constante ao longo de todo o ano. Pero a resposta dos responsables políticos nos gobernos central e autonómico tampouco impulsaron medidas que serviran para paliar a situación.
No ámbito estatal, as políticas postas en marcha polo PSOE, que culminaron coa antidemocrática reforma constitucional do pasado mes de agosto, serviron para consolidar un sistema neoliberal ao servizo dos mercados e dos ditados de Merkel e Sarkozy. Ademais, baixo o pretexto de reducir gastos e fomentar a política de austeridade, decidiron aplicar un forte recorte das prestacións e os servizos sociais que non fixo máis que aumentar a situación de precariedade e inestabilidade de boa parte da poboación.
Pero o 2011 tamén trouxo, tras as eleccións xerais do 20 de novembro, a confirmación da presenza do BNG no Parlamento estatal. Os nosos representantes seguirán sendo a voz de Galiza en Madrid, a voz que defenderá os intereses dos galegos e galegas e que manterá o forte compromiso coa solución máis acaída aos problemas dos nosos sectores produtivos.
Se a xestión do goberno estatal serviu para empeorar as condicións de vida dos traballadores e traballadoras, o goberno do PP na Xunta tampouco achegou ningunha solución aos problemas de Galiza. Pola contra, os máis de dous anos e medio dos populares ao fronte do goberno galego só serviron para certificar o fracaso máis absoluto das políticas de Núñez Feijóo.
Precisamente baixo a súa presidencia, Galiza tense situado como a comunidade con maior incremento do paro, ao tempo que ten posto en marcha os recortes máis inxustos da historia democrática, ao afectar aos dos piares da nosa sociedade, como son a sanidade e os servizos sociais e o ensino. Profesorado, infraestruturas escolares, axudas de emerxencia social, servizo de asistencia no fogar ou plans concertados son algúns exemplos nos que a Xunta do PP aplicou a tesoira.
En Vigo as consecuencias da crise tamén se deixan notar: Arredor de 31.000 persoas en situación de desemprego e 600 desafiuzamentos ao longo deste ano e máis de 5.000 familias que precisan axudas para libros e comedor configuran a radiografía dunha cidade que necesita unha aposta decidida pola xeración de emprego e os servizos sociais. Diante desta situación cómpre priorizar onde se van gastar os cartos dos vigueses e viguesas por riba das humanizacións. En definitiva, hai que priorizar as persoas por riba das baldosas e atender as necesidades reais da cidadanía, máis alá do que simplemente queda bonito.
Na nosa cidade o 2011 tamén foi o último ano de goberno de BNG e PSOE, do que queda unha importante pegada nos eidos deportivo, cultural, e deportivo, sen esquecer o esforzo que fixemos no Casco Vello. Tras as eleccións municipais de maio e na última metade do ano, constatouse que o PSOE está ao fronte dun goberno en minoría e que é incapaz de poñer rumbo á situación que atravesa a cidade. Resultan preocupantes os recortes que na participación democrática estableceu o alcalde da cidade, impedindo a intervención de colectivos no pleno; afogando a colectivos sociais que manifestan a súa crítica e mesmo incumprindo acordos plenarios.
Neste 2012, os concelleiros e concelleira nacionalistas mantemos o noso compromiso de traballar en beneficio da cidade, porque quedan moitos asuntos pendentes aos que aos facer fronte: a crise do sector naval, da automoción, do pequeno e mediano comercio, e o escandaloso aumento do paro, así como o servindo de garante ao funcionamento democrático deste concello.