Dende unha postura clara dentro da oposición, o BNG ten contribuído explicitamente a mellorar as condicións socioeconómicas de Vigo. Dende hai una ano, o Bloque ten actuado como forza política responsable, polo que tal e como dixemos no seu momento, levamos a cabo actuacións críticas e construtivas. Puidémonos ter negado a participar na elaboración dos orzamentos municipais, pero dende esa responsabilidade, cando se nos achegaron os primeiros borradores dende o grupo de goberno, dende a nosa coherencia tentamos melloralos: esixindo que houbera un Plan de Emprego Municipal que ciframos en máis de 5 millons de euros; esixindo que aumentaran todas as partidas que atenden as necesidades básicas de poboación (un millón de euros); esixindo que se priorizaran os investimentos produtivos e de creación estable de emprego en lugar de investimentos de cara a galería.
Ao mesmo tempo, o BNG quixo deixar claro que non aceptaría nunca que na cidade de Vigo se dera un retroceso nas condicións democráticas da propia vida municipal e así esiximos tamén o cumprimento dos acordos plenarios aprobados pola Corporación.
Quixera deixar no aire unha pregunta: que ten que facer unha forza política cando un goberno lle acepta todas e cada unha das esixencias á hora de aprobar uns orzamentos? O Bloque Nacionalista Galego non está en política para facer paripés, senón para contribuír a mellorar as condicións de vida dos vigueses e viguesas. Por iso afirmamos hoxe que as contas municipais ás que acabamos de dar o noso apoio son uns orzamentos para emprego, para prestacións sociais e para axudas ás familias viguesas.
E dicimos isto dende a lexitimidade que nos outorga ter falado durante mes e medio con todos os colectivos cidadáns. O BNG tense reunido coas asociacións veciñais, cos tres sindicatos, coas comunidades de montes, coas entidades sociais e coa Universidade. En todas e cada unha destas xuntanzas os colectivos nos teñen amosado o seu total apoio ás cuestións básicas que o Bloque introduciu nos orzamentos municipais. O BNG votou si aos orzamentos sociais porque os colectivos desta cidade tamén votaron que si.
Pola contra, con quen ten falado o PP? A quen ten escoitado o Partido Popular cando presentou unhas emendas que o único obxectivo era aforrarlle cartos á Xunta? A falta de compromiso coa cidade dos representantes populares se quere agochar con infundios de que o BNG sostén a Abel Caballero ou de se o BNG ten pactos encubertos… O único pacto do Bloque Nacionalista Galego é coa cidade, e se para cumprir este pacto temos nalgún momento que apoiar ao goberno local, farémolo. Deste mesmo xeito o estamos a facer coa Xunta de Galiza e a súa delegada territorial en Vigo na continuación da rehabilitación e posta en valor do Casco Vello, que para nós sempre foi uha prioridade.
Temos criticado no seu momento as actitudes antidemocráticas e que non nos gustaron deste goberno local. E podiamos ter quedado simplemente niso. Pero non, dende a forza dos tres concelleiros do BNG esiximos un cambio. Un cambio non só nas formas democráticas senón tamén nas prioridades políticas. Ogallá o PP utilizara tamén esta coherencia reclamándolle ao señor Feijóo que invista máis en Vigo e que non recorte aos vigueses e viguesas os seus dereitos elementais en sanidade, ensino e servizos sociais.