O BNG como forza política ten que estar presente en tódalas institucións onde se tomen decisións que afecten ao noso País. Entre as forzas políticas que van a conformar o Parlamento español, o BNG ten que contar cunha ampla representación para por en práctica as políticas que dende Galiza necesitamos para acadar o noso desenrolo en tódolos eidos. A presenza do BNG no Parlamento de Madrid é, polo tanto, imprescindible. Isto é así porque os deputados electos dentro das listas do PP ou do PSOE non conforman unha verdadeira representación galega, xa que as súas opinións dependen da decisión dos seus partidos asentados en Madrid e estes inclínanse sistematicamente en función dos seus intereses, tendo en conta a forza económica e o número de votantes, de aí o apoio, orzamentariamente descarado, cara a zonas como Cataluña, Andalucía, etc… Ao longo da historia temos sobrados exemplos deste feito, onde Galiza sempre queda para despois.
Estas políticas teñen que ser asumidas polos deputados galegos destas formacións políticas, atendendo, aínda que non sexa máis, á disciplina de voto. Votando ao PP ou ao PSOE estariámoslle dando aos partidos centralistas máis poder para usar en contra nosa, é dicir, estaríamos votando contra nós mesmos. Pola contra, votar BNG é votar á favor do noso País.
Pensando nos asuntos que atinxen ao noso concello e que dependen do goberno de Madrid, xa estaría máis que xustificado o voto ao BNG simplemente centrándose nas cuestións que seguen:
- O tren de cercanías. Este medio de comunicación é vital para o noso concello, foi abandonado e ten que ser recuperado como elemento vital no plano do desenrolo económico, tanto para o transporte de persoas, como para o de mercadorías.
- A realización da variante de Padrón. O crecemento deste pobo e o seu ordenamento dependen crucialmente da resolución deste problema, en tanto que supón:
1. Aforro dos problemas do tráfico
2. Facilidade para visitar Padrón sen agobios
3. Converter en rúa a N-550 ao seu paso polo centro da vila
4. Espazo para o aparcamento soterrado no percorrido que circunda ó casco antigo, que permitiría facer un aparcamento por tempo limitado gratuíto
- Liberalización da peaxe da autoestrada Santiago-Padrón ou realizar unha autovía que enlace coas outras en construción: Santiago-Brión e Padrón-Barbanza. Hai que poñer en valor a situación estratéxica de Padrón como centro do eixo das comunicacións entre os polos económicos máis importantes de Galiza: A Coruña-Vigo-Ría de Arousa.
Por todo iso o BNG necesita acadar unha importante representación no Parlamento español. Temos que estar alí con forza suficiente para sermos necesarios á hora de decidir e apoiar o que máis lle convén a Galiza.