Parece que foi onte cando un grupo de persoas vinculadas ao IES A Sangriña da Guarda e ao Centro Goiánes se xuntaron pra poñer a andar un evento que servise de plataforma de encontro e expresión para a importante actividade que o teatro afeccionado ten, e sempre tivo, na nosa comarca. Xurdía así a Mostra de Teatro do Miño.

Este conxunto de homes e mulleres constituiron a Asociación Cultural Feixó de Araúxo, en homenaxe ao autor que alá polo século XVII tratou por primeira vez, na sua obra « Entremés famoso sobre a esca no rio Minho» a vida da Raia e as relacións entre galegos e portugueses. Este colectivo terá como finalidade principal organizar este acontecemento cultural que se ven repetindo ao longo das últimas primaveras.

A Mostra non demorou en adquirir unha clara vocación transfronteiriza dando cabimento tamén a obras chagadas das máis diversas vilas e cidades portuguesas, creándose así un punto de referencia e diálogo para grupos, hisorias, actores e público procedente das dúas beiras miñotas.

Afortunadamente no ano pasado (na cuarta edición) a Mostra ampliouse un pouco máis e xunto aos concellos de Tomiño e A Guarda, sumouse O Rosal, dando lugar a un dos poucos eventos culturais de toda Galiza que se organizan simultaneamente en tres concellos. Tres concellos veciños colaborando e traballando en prol da nosa cultura e do noso teatro.

A Mostra de Teatro do Miño é todo iso: punto de referencia para os mellores grupos de teatro amador de toda Galiza e Norte de Portugal, bo exemplo da colaboración intermunicipal (independentemente das cores politicas dos seus gobernos), expresión  dunha comarca culturalmente vizosa e na que particularmente o teatro sempre tivo boa resposta, etc.

Por estes e moitos outros motivos eu estou orgullosa deste evento cultural baixomiñoto. Penso que entre todos e todas debemos apoialo asistindo na medida de posibel á súa programación.

Contarónme os organizadores que as seis obras seleccionadas para esta 5ª edición son dunha enorme calidade. Estas seis obras que se representarán foron escollidas polo xurado da mostra de entre 30 traballos enviados de todos os recunchos de Galiza e norte de Portugal.

Anímovos a todas e todos a que asistades ás representacións que terán lugar durante o próximo fin de semana no auditorio  de  Goián, no auditorio do Rosal e no salón de actos do IES da Guarda.

 

Un saudiño!

 

 

 

 

Comentarios pechados.