Sandra González é veciña da parroquia de Estás, ten 37 anos de idade e é licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Administración Pública e ten un Máster en Desenvolvemento Local e Comarcal. Foi a primeira muller alcaldesa de Tomiño e a rexedora máis nova de toda Galiza. Recentemente foi elixida por unanimidade para encabezar de novo a candidatura do BNG nas vindeiras eleccións municipais do 22 de maio.


1) Que significa par Sandra González ocupar a alcaldía do concello de Tomiño?

É un enorme orgullo asumir o compromiso de gobernar o meu propio concello, onde nacín, onde me criei e onde vivo… e ao mesmo tempo supón unha grande responsabilidade traballar cada día pola transformación de Tomiño e polo benestar da nosa xente.  Teño a certeza de que ese traballo é eficaz e está a dar os seus froitos, permitindo  que nestes anos o noso concello avance. E isto, obviamente, é motivo de satisfacción.

 

2) Xa pasaron catro anos da primeira vez que encabezache a candidatura do BNG para unhas eleccións municipais. Como afrontas esta segunda experiencia como candidata?

Esta e aquela son dúas situacións e momentos diferentes.  Hai catro anos tiñamos o obxectivo de sacar a Tomiño do estancamento ao que o levaron gobernos anteriores. Debo dicir que hoxe teño a mesma ilusión e ganas que hai catro anos, pero desta vez síntome respaldada por unha experiencia e un traballo de goberno que situou a Tomiño na senda do progreso. Este é o aval que presentamos ante as veciñas e veciños tomiñeses.

Para afrontar as eleccións tamén é necesario sentir que tes detrás un numeroso grupo de xente que apoia sen fisuras a candidatura. A unidade e o traballo en equipo son sen dubida dúas características que definen ao BNG. En política non hai sitio para intereses particulares nin para iluminados ou salvadores, senón para equipos dispostos a traballar unicamente pola transformación de Tomiño, desde un proxecto concebido para avanzar e cun compromiso claro e colectivo.

3) Como é esta candidatura do BNG que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais de maio?

Para gobernar. Un equipo para gobernar, con novas incorporacións que entran con moita forza e ganas. Homes e mulleres que se suman á experiencia do actual grupo municipal que xa demostrou nestes anos ter capacidade de xestión acumulando unha bagaxe que será unha vantaxe á hora de conformar o goberno do próximo mandato municipal.

4) En termos xerais, que cres que aportou a Tomiño este goberno local que liderache?

Hai dúas palabras que resumen ben o goberno municipal destes catro anos: transformación e estabilidade. Transformación, porque fomos capaces de sacar o noso concello do absoluto estancamento no que se atopaba desde había moitos anos, e estabilidade porque constituímos un goberno serio e firme preocupado en dar solucións aos problemas da xente.  Nestes catro anos fomos quen de cumprir con responsabilidade o mandato dos veciños e veciñas e sacar a Tomiño da pasividade na que se atopaba.

 

5) Entón, na túa opinión, cales foron os principais logros alcanzados por este goberno nestes últimos 4 anos?

Nestes últimos anos púxose de manifesto un novo estilo de gobernar mais democrático e eficiente. Demostramos capacidade de xestión e traballo, sendo capaces de captar fondos de todas as administracións e con eles poñer en marcha proxectos necesarios para Tomiño: un investimento de máis de 5 millóns de euros na extensión do saneamento; a construcción dun centro de día, a remodelación de prazas como a da Mina, Barrantes e Goián; melloras nos torreiros como o do Hospital, Estás, San Salvador de Tebra, Pinzás, Currás ou Taborda; posta en valor do noso patrimonio con importantes actuacións como a da Unión del Porvenir e o entorno da fortaleza de Goián; apoio a sectores productivos como o do kiwi e os cultivos, a posta en marcha de novos locais sociais-culturais como o de San Salvador de Tebra, Hospital, Amorín, Forcadela e a Salgosa; construcción de diferentes tramos de sendas peatonais; unha política activa en materia de mocidade e igualdade, e un longo etcétera.

 

6) Cales serán os prioridades do novo goberno do BNG que liderará Sandra González?

Queremos seguir transformando Tomiño, ese é o noso obxectivo.  Moitas veces as cousas non van tan rápido como queremos, pero estou convencida de que cando as cousas se xestionan con visión de futuro acaban dando os seus resultados, como acontece con accións como a da fortaleza de Goián ou con outros proxectos nos que levamos tempo traballando e que verán a luz proximamente como é o caso da biblioteca no Seixo. Os veciños e veciñas valorarán o avance experimentado nestes catro anos e entenderán que este non é o momento de parar senón de continuar dando pasos firmes cara diante. Por iso, queremos consolidar e aprofundar os nosos logros e seguir desenvolvendo unha política cercana e realista tan necesaria nun contexto de crise como o actual.

 

7) A actual crise fai con que este contexto social e económico sexa moi diferente do que hai catro anos. Cal é a túa maior preocupación neste momento?

Sen dúbida, é a difícil situación do emprego que estamos a vivir e que tanto está afectando a moitas familias do noso concello. Por iso a posta en marcha de políticas e proxectos que permitan a creación de postos de traballo debe ser unha prioridade para todas administracións públicas. A pesar das nosas limitadas competencias nesa materia, o goberno municipal vai seguir arrimando o ombro e contribuír a alcanzar este obxectivo. Por iso hoxe, unha das conquistas deste goberno que máis valoro foi a de rematar o expediente do polígono empresarial que vai permitir o asentamento de empresas en Tomiño e favorecer a creación de riqueza e postos de traballo no noso concello.

Comentarios pechados.